IV edición do Mercado Ecolóxico Tradicional o venres 29 de Marzo

Quilmas acolle a IV edición do Mercado Ecolóxico Tradicional o venres 29 de Marzo.

Este mercado enmárcase nunha ristra de eventos que terán lugar nos vindeiros 6 meses onde acogollaremos na nosa aldeia un compendio dos diferentes movementos que están a xirar e traballar ao redor da agroecoloxía na Galiza.

As labregas, apicultoras, artesás dos alimentos e da natureza e colectivos que traballan a cotío pola defensa do medio ambiente, teñen nestes eventos un espazo para a mostra, a divulgación e a conexión de ideias co público en xeral.

As persoas que teñan inquedanzas nos xeitos de produción de alimentos ecolóxicos ou en movementos de acción medioambiental e sostibilidade práctica, en proxectos pola defensa da terra…

Tamén nestes mercados há espazo para o lecer, para desfrutar da contorna descubrindo a aldeia da Curra, as praias antigas de Quilmas e Panchés, o Porto natural de Quilmas, as múltiples cabaceiras que evocan eses tempos onde estaban cheias de alimentos e, polo tanto, cando as leiras eran mosaicos de cultivares coridos perfilados por sebes e muros de pedra.

Dende A Explanada do Campo da Feira, enclavada aos pés do Monte Pindo, accédese a varias rotas para descubrir través de sendeiros antigos, camiños de “a pé” que comunican Quilmas con Caldebarcos ou que suben á Moa (punto máis elevado do macizo con 625 m de altitude)… e pensar que a xente de Quilmas ía no verán até o Chan da Moa coas vacas, por esas ladeiras de pedra, pasando polo Chan das Lamas, pola Casa da Raíña Lupa, polo Chan de Lourenzo e polos Muros de Arriba para chegaren onde se mantiña fresco o pasto verde-mol!! 

A vindeira semana poremos á vosa disposición a relación de participantes.

Dende a Plataforma pola Defensa do Patrimonio Cultural de Quilmas e da Coop. de Agricultura Ecolóxica Raínha Lupa animámosvos a achegarvos!

Agricultura Ecolóxica
Raínha Lupa
S.Coop. Galega

Quilmas- CARNOTA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*
*