I Curso de “Descortizado de sobreiras” por Abella Lupa

Dende AGA informamos da seguinte actividade que organiza Abella Lupa.  Ésta e mais actividades apícolas en www.apiculturagalega.org

 

I CURSO DE “DESCORTIZADO DE SOBREIRAS” (EXTRACCIÓN DE CORTIZA) NO SOBREIRAL DO ARNEGO (AGOLADA-PONTEVEDRA)

 

Sábado 4 de Agosto
Organiza: Abella Lupa

OBXECTIVO DO CURSO:

A extracción da cortiza da sobreira nas ribeiras dos ríos Arnego e Deza vénse facendo dende hai séculos para preparar os cortizos, que se utilizaron até hai ben pouco como “colmeas” para as abellas melíferas (Apis mellifera L.). A chegada da colmea moderna móbil (moito máis produtiva) e a aparición da doenza das abellas coñecida como “varroase”, fixeron que os cortizos deixasen de se producir e polo tanto abandonouse o aproveitamento tradicional e local das sobreiras. Non embargante, nos últimos vinte anos tense producido unha entrada de empresas “non locais” que extraen a cortiza para a súa trituración (para a posterior confección de aglomerados, illantes, chans…). Estas empresas empregan técnicas máis agresivas, orientadas unicamente por criterios produtivos, que non teñen en conta as cautelas que poden permitir a sostibilidade deste recurso, ameazando a conservación das corticeiras cos seus pequenos bosques.

Con este curso pretendemos iniciar ás persoas interesadas (especialmente vinculadas á apicultura ou a espazos naturais con presenza desta árbore), nas técnicas de aproveitamento da cortiza máis respectuosas coa conservación e a xestión das sobreiras. Asemade, achegámonos a unha actividade tradicional que vale como exemplo das posibilidades de desenvolvemento dos espazos da Rede Natura 2000, dun xeito compatíbel co fomento da biodiversidade. Por último, amosaremos contidos sobre o ciclo da cortiza, os períodos de saca, o manexo das ferramentas ou sobre os coidados preventivos para esta árbore, coa finalidade de divulgar as bases do emprego de criterios técnicos “brandos”.

Desexamos que este curso sexa o primeiro en relación coa cortiza das sobreiras e a apicultura, xa que pretendemos organizar unha segunda parte co título: CONFECCIÓN DE CORTIZOS NO SOBREIRAL DO ARNEGO, con data de celebración en novembro ou decembro.

 

ORGANIZA: Abella Lupa; teléfonos de contacto: 626 970 072 / 699 072 809.

LUGAR DE ENCONTRO:
Bar Chocolata (Agolada).

TRANSPORTE ATÉ O SOBREIRAL:
en vehículos d@s participantes

DATA: sábado, 4 de agosto, ás 9:30 horas (no caso de que o tempo non permita unha extracción axeitada da cortiza —néboa, choiva, excesiva calor…—, adiariamos a data de celebración do curso até o 18 de agosto).

INSCRICIÓNS: realizaranse vía telefónica dende o 23 de xullo até o 2 de agosto. Prazas limitadas.

PREZO DO CURSO: 75 €, xantar incluído nun restaurante da zona (60 € sen xantar). Amais inclúese un pequeno almorzo a media mañá no propio sobreiral.

PROGRAMA:


PRÁCTICA 1

09:45 ………. saída ao Sobreiral do Arnego
10:00 ………. pequena presentación do sobreiral
10:30 ………. a árbore
10:45 ………. as ferramentas
11:00 ………. inicio das tarefas de extracción
13:30 ………. fin da actividade de mañá

COMIDA

14:00 ………. xantar en restaurante local

TEORÍA

15:30 ………. historia da extracción da cortiza en Galicia (Martiño Nercellas – Abella Lupa)
16:00 ………. situación dos sobreirais no Estado e en Galicia (Jesús de la Fuente – Abella Lupa)
16:30 ………. xestión de sobreirais (Cristina Gende- Moar)
17:00 ………. inquedanzas-debate

PRÁCTICA 2

17:30 ………. saída ao sobreiral
18:00 ………. inicio tarefas de extracción
20:00 ………. fin da actividade de extracción
20:30 ………. fin do curso

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*
*